Preto de trinta bandas do panorama indie galego están a preparar un disco de versións de temas do cantautor galego.
Andrés do Barro / Foto: galegos.info
Bandas galegas de diferentes estilos acaban de pór en marcha un proxecto de homenaxe a Andrés do Barro, o primeiro cantante galego que acadou un número 1 na lista dos máis vendidos do Estado. Para acadalo, contarán co apoio da discográfica Falcatruada, que editará o disco, e mais da plataforma musical A Regueifa
Trátase dun disco recompilatorio en que grupos de pop galegos reinterpretarán cos sons e ritmos actuais os mellores temas do ferrolán. Xa se anunciou que o traballo contará con revisións de clásicos como Corpiño Xeitoso, Meu amor, Adeus adeus ou Para che falar de amor.
De momento aínda non está pechada a lista definitiva de artistas que participarán na homenaxe a Do Barro, pero desde Falcatruada asegúrase que participarán os grupos “máis rebuldeiros da nova escena musical do país”. O disco, que aínda non ten título definitivo, estará á venda o próximo mes de maio.