O dióxido de nitróxeno causa numerosas enfermidades respiratorias e alérxicas.
As autoridades de Bélxica reduciron o límite de velocidade nas súas estradas por mor da “mediocre” calidade do seu aire. A culpa a ten o alto índice no ambiente de partículas en suspensión e de dióxido de nitróxeno, causantes de numerosas enfermidades respiratorias e alérxicas.
Deste xeito, desde este venres o límite máximo en autoestradas será de 90 quilómetros por hora, cando até agora estaba situado nos 120. O concello de Bruxelas, cidade máis afectada pola contaminación, aproveitou a entrada en vigor da nova normativa para pedirlle aos condutores belgas que utilicen o transporte público e que realicen os desprazamentos curtos en bicicleta ou a pé.
A loita contra a contaminación é un dos obxectivos procurados pola Comisión Europea, que o ano pasado estabeleceu unha estratexia común para reducir nun 40% as mortes causadas pola baixa calidade do aire.