Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
POLÉMICA CARGA CONTRA OS TRABALLADORES DE ATENTO

“Mallaron en nós todo o que puideron e cebáronse nas mulleres”

Os empregados de Atento na Coruña, filial de Telefónica, seguen mobilizándose contra 179 despedimentos. Os sindicatos din que a empresa vai levar a Perú e Colombia o servizo de información 1004.

Manuel Vilas - 12:53 16/03/2007
Un dos feridos / Foto: CXT

Un dos feridos / Foto: CXT

Mónica Díez, vicepresidenta do comité de Empresa de Atento na Coruña, ten un brazo na estribeira. É unha das feridas da carga policial do xoves na rúa Xoán Florez da Coruña. Aseguran fontes sindicais que na “brutal e inxustificada” acción policial resultaron feridas máis de 15 persoas.

“Bateron en nós todo o que puideron e máis”, sinala a representante da CIG, que salienta que os antidisturbios “cebáronse nas mulleres”. Imaxes da carga poden atoparse tanto na web da Confederación Xeral do Traballo como no You Tube. A Coordinadora Unitaria de Traballadores do Telemarketing anunciou que vai denunciar a “represión policial dos dereitos universalmente recoñecidos de manifestación”.

Traballadores encerrados
A CIG tamén denuncia que a empresa está a pechar nunha sala a varios traballadores, que seguen acudindo ao posto de traballo malia ter unha carta de despedimento. A empresa, segundo o sindicato, non deixa os traballadores sentarse nos seus postos e mantenos encerrados nunha sala durante a súa xornada laboral.

A Inspección de Traballo vai investigar esta práctica a raíz da xuntanza mantida esta mañá entre sindicatos e a administración, segundo a CIG.

700 euros ao mes na Coruña
A orixe do conflito é o despedimento duns 179 traballadores de Atento na Coruña. Os sindicatos indican que a filial de Telefónica quere trasladar o servizo a Perú e Colombia, onde os soldos son un terzo do que cobran os asalariados galegos. Segundo a CIG, os traballadores despedidos gañan uns 700 euros ao mes.

A versión da empresa
Atento alega un baixón no número de chamadas ao 1004 para xustificar os despedimentos. Fontes oficiais da empresa argumentan que "legalmente non son despedimentos, é unha reducción de obra por caída da carga de chamadas". Tamén indican que "estamos recibindo moitas chamadas de traballadores coruñeses que non están de acordo coas mobilizacións". Un voceiro da operadora argumenta que "o fenómeno da deslocalización é unha realidade, moitos dos nosos clientes o demandan, e nós actuamos segundo a oferta e a demanda".

Na web da operadora pódese comprobar que a empresa busca teleoperadores para as filiais peruanas e colombiana, pero non no Estado. Os salarios significan o 80% do custo total destes servizos, segundo fontes do sector.

Atento di ser a quinta empresa de servizos de telefónicos do mundo. O seu "accionista de referencia" é Telefónica, a empresa salienta que traballa para outras compañías.


4,83/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: