O 21 de abril desenvolverase no auditorio laxense a primeira xornada histórica sobre Posse. Constará de seis conferencias e dúas visitas guiadas.
O presidente do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte, Xosé María Lema Suárez, será o encargado de abrir a xornada, ás nove e media da mañá, cun breve resumo da vida e da obra de Posse. Até o mediodía, sucederanse tres conferencias.
Ás dez, a catedrática de Xeografía e Historia Ana María Romero Masiá disertará sobre o grupo liberal coruñés de primeiros do século XIX. Logo, o vicepresidente do Seminario da Costa da Morte Xosé María Méndez Doménech falará dos inicios da burguesía industrial en Laxe e, xa ás doce, o catedrático de Historia Moderna da USC Pegerto Saavedra tratará acerca do clero a comezos do século XIX.
A partir da unha, os participantes na xornada visitarán na parroquia de Soesto a vivenda natal de Juan Antonio Posse, coñecida como Casa de Mariana, a igrexa parroquial e a praia. Despois percorrerán o núcleo histórico de Laxe: a Casa do Arco, onde viviron os Doménech; a igrexa de Santa María da Atalaia e as antigas fábricas de salgadura de orixe catalá.
Pola tarde, completarán a programación unha conferencia de Ramón Mariño Paz, profesor da Facultade de Filoloxía de Compostela, sobre a lingua galega na vida e na época de Juan Antonio Posse, e un relatorio de Fernando Durán López, profesor da Universidade de Cádiz e estudoso do crego liberal, que falará da obra do autor homenaxeado dende un punto de vista autobiográfico.
Defensor do liberalismo
Juan Antonio Posse Varela converteuse nunha das figuras máis coñecidas do liberalismo galego dende que en 1984 o profesor estadounidense Richard Herr publicou as memorias do sacerdote, escritas en 1834. Posse, nado na parroquia de Soesto, en Laxe, o 26 de decembro de 1766, foi cura de tres freguesías leonesas.
De ideas liberais, foi perseguido polos franceses durante a Guerra da Independencia e defendeu publicamente a Constitución de 1812. Logo foi encarcerado polos absolutistas defensores de Fernando VII. Morreu en León en 1854.