Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Mellora do "banco de xermoplasma"

A USC ampliará o "cofre" onde garda a semente da flora ameazada

Variantes da xesta e do carballo están entre as ducias de especies que poden ter acubillo nesta peneira de material vexetal vivo que conserva as especies en perigo.

Redacción - 15:30 15/03/2007

O Laboratorio de Botánica da Facultade de Farmacia, na Universidade de Santiago, é sede desde hai anos do banco galego de xermoplasma. Trátase dunha escolma de material vexetal, sementes e esporas, clave para a conservación da biodiversidade.

O estabelecemento de programas de reintrodución de especies, ou de reforzamento de poboacións e "restauración de hábitats alterados ou arrasados" son exemplo da utilidade deste recurso. Así o subliñaron este xoves desde a Consellaría de Medio Ambiente, ao tempo que anunciaban o estabelecemento dun convenio polo cal a administración financia con 44 mil euros, durante os dous próximos anos, os traballos do equipo da USC.

O departamento de investigación realizará informes periódicos da situación da fauna, identificando, recolectando e analizando a flora galega, especialmente a ameazada. Dos recursos incorporados ao banco, o 25% poderán ser usados pola Xunta en plans de recuperación de espazos naturais.

Preto de 200 especies ameazadas de extinción
Na obra A natureza ameazada 2004, o coordinador do proxecto do banco de xermoplasma, Xesús Izco Sevillano, chama a atención sobre a situación "pouco coñecida e mal valorada" da biodiversidade galega. Referíndose ao primeiro estudo que analizou a situación, realizado máis de dez anos antes, o investigador repara na necesidade dunha "badalada" para espertar unha sensibilidade "durmida ou inconsciente".

Ao fío da súa análise, a asociación ecoloxista Verdegaia, denunciaba no pasado Día Mundial da Diversidade Biolóxica, que 250 especies de fauna e flora de Galicia están ameazadas de extinción en maior ou menor medida.

A listaxe realizada polos ecoloxistas das dez especies máis ameazadas inclúe no apartado de flora á Vandenboschia speciosa: Especie de fento que vive en bosques das ribeiras dos río que só se acha nalgunhas cuncas fluviais da provincia da Coruña; o Carballo anano, do que en Galiza só existe unha poboación no Monte Pindo (Carnota), cuns poucos centos de exemplares; a Armeria merinoi: Especie exclusiva de Galiza moi localizada no ámbito da serra de Careón, zona da Rede Natura 2000 situada no centro do país, no límite entre as provincias da Coruña e Lugo e Genista ancistrocarpa: Especie de xesta da que só se coñecen dúas poboacións en todo o Estado, unha en Doñana e outra nas Gándaras de Budiño.


Ligazóns

5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Lámina do Quercus Lusitanica (Carballo anano)
Lámina do Quercus Lusitanica (Carballo anano)