Os postos que se convocan este ano para o profesorado multiplican por máis de catro os do curso anterior.
A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, anunciou esta mércores a convocatoria dun total de 3.125 prazas para as oposicións de 2007. A oferta pública de emprego da Administración educativa para este ano é case cinco veces maior ca no 2006, cando se convocaran 686 prazas, e é superior á suma das últimas cinco convocatorias, nas que se ofertaron un total de 2.847 prazas.
“Trátase dunha convocatoria sen precedentes que contribuirá a mellorar a calidade do ensino público galego”, salientou Sánchez Piñón, ao tempo que indicou que “na historia da Autonomía nunca se convocou un número tan elevado de prazas”.
A conselleira, acompañada polo secretario xeral de Educación, Benito Fernández, e polo subdirector xeral de Persoal, Xosé Luís Canosa, presentou publicamente a oferta de emprego, horas despois de facelo na Mesa Sectorial de Educación.
1.350 de primaria e 994 de secundaria
Do total de prazas, 1.350 corresponden ao corpo de mestres; 994, ao de profesores de ensino secundario; 90, ao de técnicos de Formación Profesional; 30, ao de escolas oficiais de idiomas; 150, ao de música e artes escénicas; e 19, ao de artes plásticas e deseño. Ademais, este ano convócanse 406 prazas de novo cupo, das que 300 corresponden ao corpo de mestres e 106, ao de profesores de ensino secundario.
Neste senso, Laura Sánchez Piñón salientou que “despois de 11 anos, convócase o acceso a cátedra con 440 prazas”, das cal 400 destinaranse ao corpo de catedráticos de ensino secundario; 25 ao de escolas oficiais de idiomas; e 15 ao de artes plásticas e deseño.
Ademais, a titular do departamento educativo autonómico sinalou que se ofertarán 52 prazas para o ingreso nos corpos docentes dos empregados laborais dos centros do Instituto Social da Mariña (ISM), cedido polo goberno do Estado á Xunta, distribuídas do seguinte xeito: 27 para o corpo de profesores de ensino secundario; 4 para o de técnicos de FP; e 21 para o de mestres.
Fomento da educación infantil
Laura Sánchez Piñón salientou que, a través da convocatoria deste ano, a Consellería de Educación “potencia a educación infantil”, cun total de 575 prazas para esta etapa educativa, e que se “presta especial atención ao alumnado con necesidades educativas específicas”, con 250 prazas para a especialidade de Pedagoxía Terapéutica e 190 para a de Audición e Linguaxe.
Ademais, a conselleira dixo que se “fomenta o acceso das persoas con discapacidade ao emprego”, ao reservar o 7% das prazas para as persoas cun grao de impedimento igual ou superior ao 33%.
Críticas da CIG polo procedemento
A sección Ensino do sindicato CIG valorou como "importante" a oferta presentada, mais critica o procedemento seguido pola consellaría xa que, segundo sinalan, a proposta non foi presentada até o comezo da Mesa Sectorial. Isto "impediu que as organización sindicais puidésemos realizar unha valoración debidamente fundamentada da oferta presentada".
A CIG-Ensino manifestou que "o procedemento axeitado debería ter sido negociar primeiro un acordo de estabilidade para o profesorado interino e, a partir de aí, estabelecer a oferta de emprego". Ademais o sindicato esixiulle á consellaría o compromiso de que a oferta presentada "non poña en perigo" o traballo do profesorado que está actualmente en activo".
Segundo a CIG, a Consellería de Educación explicoulles que a proposta de prazas está baseada no número de profesorado interino por materias e na posibilidade que calculan de que poidan aprobar. "A proposta debería estar baseada nas prazas de nova creación, nas que se produzan por xubilación e nunha porcentaxe do profesorado interino", indicou, para engadir que "este non é o noso modelo e non confiamos en que poida contribuír a diminuír a porcentaxe de profesorado interino".