Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
VII Campaña de animación á lectura en Compostela

Un mes para aprender do goce dos libros

O Departamento de Educación e Mocidade do Concello de Santiago e a editorial Kalandraka poñen en marcha un ano máis a Campaña de Animación á Lectura, na Galería Sargadelos do 26 de marzo ao 5 de maio. Co lema “Ler: unha aventura diferente”, o programa de actividades inclúe sesións de contacontos, obradoiros de ilustración e de banda deseñada, exposicións, actividades nas librerías da cidade e sesións para as familias.

Redacción - 18:10 26/03/2007
Un dos debuxos de Kalandraka

Un dos debuxos de Kalandraka

O 26 de marzo abre o programa ás 18:30 na Galería Sargadelos, cunha presentación ao profesorado, na que se lles explicarán as liñas básicas da campaña para que poidan facer un traballo previo nas aulas cos seus alumnos. Unha das novidades da campaña será á charla-coloquio que se celebrará o 29 de marzo ás 18:15, dirixida a persoas que traballan con colectivos sociais específicos ou con nenos e nenas con necesidades educativas especiais. A sesión de contacontos inaugural será o 27 de marzo e tamén incluirá unha visita guiada polas exposicións. Acudirán o deseñador Marc Taeger e o debuxante Kiko Dasilva, que imparten os obradoiros de ilustración e de banda deseñada, respectivamente.

Tamén haberá dúas charlas para pais e nais sobre os recursos que poden aplicar para animar a ler no fogar e no contorno familiar, como a tradición oral, os contos populares e de creación, os libros máis recomendados para os cativos nos seus primeiros anos de vida ou a importancia das imaxes e das texturas para a educación sensorial. A primeira será o 19 de abril ás 18:15 na Escola Infantil Municipal de Conxo e a seguinte celebrarase o 5 de maio ás 12:00 na Galería Sargadelos.Os artistas Marc Taeger e Kiko Dasilva impartirán cadanseu obradoiro de ilustración e de banda deseñada os días 10, 11 e 30 de abril e o 3 e 4 de maio para alumnos de segundo e terceiro ciclo de Educación Primaria, respectivamente. Marc Taeger, ilustrador de libros como A verdadeira historia de Carapuchiña e Aquiles o puntiño, editados por Kalandraka, basearase no libro titulado Mirar a pintura, de Faktoría K, para familiarizar aos cativos coa arte. Kiko Dasilva, autor de títulos como Moncho e a Mancha e ilustrador de Cando Martiño tivo ganas de mexar na noite de Reis, aproximará os escolares ao proceso de creación dun cómic a través dos personaxes de Sar e Sarela, a nova obra que prepara con Kalandraka e o Consorcio de Santiago. Tamén se celebrarán actividades nas librerías da cidade para fomentar o achegamento da comunidade escolar e da cidadanía ao libro e á lectura.

Diversos autores e ilustradores participarán en presentacións e sinaturas das súas obras, obradoiros para o público infantil e sesións de contacontos. Entre os libros que formarán parte das exposicións, figuran títulos como Smara, de Paula Carballeira (Premio Isaac Díaz Pardo 2006 ao libro mellor ilustrado, polos debuxos de Carole Hénaff); o libro-cd Solaina do grupo galego ‘Na Virada’, ilustrado con placas de cerámica do artesán Francisco Pérez Porto; A banda de Vilacendoi, do profesor Xulio Gayoso; e Un agasallo diferente, escrito por Marta Azcona e ilustrado por Rosa Osuna, que lle dá a súa imaxe ao cartaz da presente campaña. Os obxectivos de “Ler: unha aventura diferente” pasan por achegar ao público infantil á lectura a través dos contos, procurar que adquiran a conciencia crítica necesaria para seren lectores selectivos e con opinión de seu, inculcarlles a sensibilidade estética que transmiten os textos e as ilustracións, e incentivar o interese por valores como a solidariedade, a ecoloxía ou a tolerancia.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Ilustración de Pablo Berlasconi para '27 historias para tomar a sopa'
Ilustración de Pablo Berlasconi para '27 historias para tomar a sopa'
Outra ilustracion de Kalandraka
Outra ilustracion de Kalandraka