Nuri al Maliki esixiu na mañá do sábado que outros estados eviten influír nos "asuntos iraquís mediante o apoio a certas seitas, etnias ou partidos”.
Maliki, delegados da ONU e países veciños participan na xuntanza
Esta fin de semana reúnense en Iraq membros do Consello de Seguridade das Nacións Unidas e delegados dos estados fronteirizos co obxectivo de reunir apoios para rematar coa violencia no país. Tratarase de evitar que o conflito entre sunís e xiís se estenda nos estados limítrofes ao mesmo tempo que se prepara unha conferencia de ministros de Asuntos Exteriores.
O primeiro ministro asegurou no discurso de apertura que “a reconciliación e a chave para salvar Iraq” e explicou que o seu país ten que “recuperar o papel pioneiro na rexión logo da ditadura e das guerras”. Maliki sinalou tamén que de momento o plan de seguridade para Bagdad e os seus arredores, en vigor desde o pasado 14 de febreiro, está a funcionar.
No encontro participan delegados de Irán, Turquía, Siria, Kuwait e Arabia Saudita como países veciños, e Estados Unidos, Rusia, China, Francia e Reino Unido como membros permanentes do Consello de Seguridade das Nacións Unidas. Trátase dunha das poucas oportunidades nas que se poderá ver negociando na mesma mesa a responsábeis de Washington e Teherán.