Do mércores 7 ao venres 9 de marzo o equipo de arquitectos Ecosistemaurbano vai impartir o obradoiro Terapia urbana. Arquitectura sustentábel? no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) de Compostela. A actividade pretende entender os espazos públicos como lugares comúns e analizar as bases dunha arquitectura que teña en conta criterios ecolóxicos.
Ecobulevar de Vallecas
O taller servirá como preparación de cara a unha mostra sobre arquitectura contemporánea en Galiza que se inaugurará no museo no mes de xuño. O equipo de Ecosistemaurbano está formado por Belinda Tato, José Luis Vallejo e Diego García Setién, arquitectos e enxeñeiros da Escola de Arquitectura de Madrid.
Levan recibido xa máis de vinte premios en concursos de ideas no ámbito internacional e son finalistas do premio europeo Arquitecto emerxente Mies Van Der Rohe e están a expoñer o seu traballo na exposición colectiva Freshmadrid. Atópanse en fase de construción dúas obras súas: o Ecobulevar de Vallecas e o Museo de Meteoroloxía do Parque do Retiro de Madrid.
O obradoiro Terapia urbana. Arquitectura sustentábel? está limitado a vinte prazas, que foron superadas amplamente pola demanda. A xente inscrita traballará de xeito interdisciplinar segundo as súas preocupacións e motivacións sobre a cidade.