A Vicepresidencia da Xunta e as consellarías de Cultura e Vivenda rendéronlle homenaxe o martes ao compositor ponteareán Rogelio Groba. O acto serviulle a Anxo Quintana para anunciar a posta en marcha dun programa de concertos de música clásica galega dirixidos á mocidade e á xente maior.
Rogelio Groba (foto: Fundación Rogelio Groba)
Vicepresidencia asinará un convenio coa Fundación Rogelio Groba por valor de 150.000 euros para que se ofrezan concertos en Lugo, Vigo, Santiago, Allariz, Ourense, Ponteareas, A Coruña, Pontevedra, Barcelona, Valencia, Bilbao, Zaragoza e Bos Aires. Tocará a Orquestra de Cámara Galega, formada integramente por profesionais da terra.
Pola súa banda, a Consellería de Cultura e Deporte colaborará coa fundación dedicada ao mestre Groba para a conservación do seu arquivo e a difusión da súa obra, mentres que Vivenda e Solo poñerá á súa disposición unha sede oficial, para o que se rehabilitará un edificio do centro de Ponteareas.
Na súa intervención, o vicepresidente da Xunta afirmou que é o momento de rematar coa cultura oficial "do autoodio, da indiferenza e do desprezo polo propio" e facer "o que calquera nación fai cos seus artistas: apoiar o seu traballo e dotalos dos medios e dos recursos precisos para que as súas obras poidan ser conservadas, difundidas e coñecidas pola xente".