Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A PRESENZA FEMININA NO COLECTIVO ESCOLAR REPRESENTA O 70%

Tan só un de cada cinco colexios públicos do país ten nome de muller

O Sindicato de Traballadores do Ensino de Galiza, STEG, denuncia que só o 20% dos colexios públicos do país ten nome de muller, malia que as mulleres representan o 70% dos traballadores dentro do colectivo de mestres.

Redacción - 14:05 06/03/2007
CEIP Francisco Franco, en Beariz (O Carballiño)

CEIP Francisco Franco, en Beariz (O Carballiño)

O STEG presentou este martes o Estudo do xénero dos nomes dos colexios dos centros de ensino público galego, elaborado con motivo da celebración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora. O informe analiza a denominación das 1.764 escolas existentes en Galiza, do que foron excluídas as que teñen nome de topónimo.

Por profesións, o 53% dos centros educativos levan por nome o dun personaxe relixioso feminino e só o 22% masculino; en canto a nomes de docentes, só o 9% levan o dunha mestra, polo 12% de mestres. No que respecta a políticos, estes representan o 7% fronte ao 0% de mulleres; en intelectuais, os masculinos constitúen o 32% fronte ao 22% de mulleres; e no de artistas os masculinos suman o 5% fronte ao 1% dos femininos.

"Hai 10 colexios en toda a comunidade que se chaman Rosalía de Castro", salientou a responsábel de Muller de STEG, Maiuca Cortón, quen lamentou que non se teñan en conta a outras mulleres intelectuais. Tamén criticou a denominada categoría "consorte", referida aos centros que levan un nome feminino por ser "muller de", como é o caso do CEIP Carmen Polo.

"Estereotipos sexistas"
O STEG manifestou que con este estudo constátase "a invisibilización das mulleres", debido, sobre todo, ao "descoñecemento das achegas destas á docencia". "Semella que se está a reproducir unha imaxe feminina baseada en estereotipos sexistas, transmitidos na escola", precisou Cortón.

A central sindical invitou á comunidade educativa a que traslade un compromiso "firme" coa fin de "deixar de transmitir estas desigualdades". Neste senso, apelou á Xunta a "se comprometer a empregar nomes femininos nos centros de nova creación", e aos colexios con nomes relixiosos a que o muden. Para isto, o STEG porá en marcha a partir de abril unha campaña para explicar nos centros o cambio de nome.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: