Oito concellos van participar a partir do 11 de marzo, e até o 9 de xuño, na semana do libro e da lectura que organiza a Consellería de Cultura e Deporte. Moaña, Monforte, Viveiro, Carballo, Ames, Allariz, Pontedeume e Porriño contarán con todo tipo de actividades para o profesorado e o alumnado.
Luís Bará
O programa irá rotando polos municipios participantes. Segundo dixo o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luis Bará, pretende ser un lugar de encontro entre os colectivos implicados na educación, para intercambiar experiencias e debater propostas a prol da promoción da lectura entre a infancia.
O fío condutor da iniciativa é o terror, polo que o seu título será Vai de medo. Haberá exposicións, obradoiros, encontros co profesorado, sesións de contacontos e actividades para pais e nais. Os mestres aprenderán técnicas de animación á lectura, e os proxenitores a estimular o interese pola actividade lectora.
Salón do libro infantil de Pontevedra
Tamén foi o medo o argumento do oitavo salón do libro infantil e xuvenil de Pontevedra, que este ano recibiu 20.000 visitantes. Deles, 6.000 foron escolares da comarca pontevedresa e máis de 3.500 do resto do país. O evento contou este ano con participación brasileira. Como convidados estiveron a escritora Ana Maria Machado, o ilustrador Rui de Oliveira e a directora do salón de Rio de Janeiro, Elizabeth Serra. A organización da semana pontevedresa amosou a súa satisfacción polos resultados desta edición.