Este sábado dan comezo no Val Miñor as primeiras Xornadas de Urbanismo de Nigrán. Esta iniciativa, posta en marcha por varias asociacións e colectivos da zona, nace co obxectivo de crear o debate necesario entre veciños e veciñas sobre o futuro urbanístico do Val Miñor.
As xornadas celebraranse todos os sábados do mes de marzo ás 19:00 h no colexio público H. Juanes de Vilameán. Ademais, o xoves 22 o arquitecto Pedro de Llano ofrecerá unha charla sobre arquitectura e urbanismo.
Segundo as asociacións responsábeis da iniciativa, "queremos organizar o noso territorio, en función dunhas perspectivas de desenvolvemento socioeconómico, dunhas previsións de crecemento da poboación, e respectando sempre os intereses das persoas que aquí vivimos ou que aquí veñan a vivir. Queremos que as xeracións máis novas continúen vivindo aquí, e que non se vexan na obriga de emigrar porque os pisos e casas sexan de acceso economicamente imposíbel para a nosa xente".
Todo isto queren acadalo a través dun planeamento concreto: "o respecto pola dignidade e pola identidade das nosas parroquias, o respecto polo noso patrimonio natural e polo noso patrimonio histórico e cultural". Por iso, convidaron a participar nestas xornada a profesionais no campo da arquitectura, dereito, historia, economía e medio ambiente, "para que nos expoñan as súas ideas sobre un urbanismo harmónico e saudábel, que facilite e faga máis agradábel a nosa vida".