O Ministerio de Defensa español traballa xunto cos de Francia e Italia na creación dun sistema informático, que permitirá espiar as comunicacións realizadas por calquera usuario na internet.
O Ministerio de Defensa español, xunto cos gobernos de Italia e de Francia, está a traballar na posta en marcha do proxecto Infraestrutura de Intelixencia Semántica Operacional, Oseminti, un sistema informático intelixente de espionaxe telemática, que permite a interceptación e o procesamento de comunicacións por internet de calquera cidadán. O Estado achega preto de dous millóns de euros, o 30% do orzamento, ao desenvolvemento da iniciativa.
Diferentes organizacións, como a Asociación de Internautas, xa ergueron as súas voces en contra deste proxecto "polo cal as nosas comunicacións poderán ser espiadas de xeito indiscriminado", sinalan. "Francia, Italia e España embárcanse noutra horríbel aventura coa fin de facer sospeitosos aos seus cidadáns; xa se sabe: calquera pode ser o inimigo, adeus presunción de inocencia", engaden.
O sistema poderá examinar enormes cantidades de tráfico en tempo real e identificar paquetes procedentes de correos electrónicos, mensaxería instantánea, vídeos ou telefonía IP, aínda que viaxen a máis de 10 Gbps.
Carnivore europeo
Segundo fontes ministeriais citadas polo diario madrileño El País, Defensa nin admite nin desminte que estea a traballar nun Carnivore europeo. Carnivore é o nome dado ao sistema de terceira xeración dos sistemas de espionaxe de redes do Federal Bureau of Investigation, FBI, o servizo de intelixencia interno dos EUA. Este permitía que un programa fose instalado no provedor de acceso á internet (ISP) da persoa a espiar -previa orde xudicial-, para interceptar e discriminar unha serie de datos -autorizados polo xuíz-, que eran envialos a un ordenador central.
Carnivore formaba parte dunha estrutura sistémica maior, coñecida como DragonWare e dividida en tres partes. A primeira -Carnivore encargábase de capturar a información, Packeteer, convertía os paquetes interceptados en textos coherentes, e Coolminer, analizábaos. Na actualidade recibe o nome de DCS1000, acrónimo de "Digital Collection System" (Sistema de Colleita de Datos, en galego).
Foto de Pedro Simão.