Unha tsunami, un furacán, unha inundación, un terremoto e mesmo unha vaga de lumes. Son as catástrofes contra as que se ten que loitar no videoxogo Stop disasters!, creado pola Oficina para a Redución de Desastres das Nacións Unidas, ISDR.
O videoxogo, que é totalmente accesíbel de balde desde a web, ten como obxectivo ensinarlle aos mozos como previr os desastres naturais mediante a prevención. Segundo declara a EFE o director da ISDR, Salvano Briceño, a iniciativa tenta axudar a “entender a vulnerabilidade da poboación” ante este tipo de catástrofes.
O videoxogador debe construír no seu entorno todo tipo de infraestruturas para evitar que o desastre leve por diante vidas humanas. Así, cun determinado orzamento, terá que levantar hospitais, vivendas, diques ou devasas. Ao final do xogo, o usuario obtén unha determinada puntuación en función do número de vidas salvadas.
O Stop Disaster!, de momento só en inglés, promoverase nos centros educativos e terá tamén unha versión en DVD para poder xogar sen necesidade de dispor dunha conexión a internet.