Os votos de PSOE e IU botaron abaixo este martes no Congreso a proposta para que Navantia-Fene puidese volver á construción civil. Os dous grupos frearon a iniciativa presentada polo BNG e apoiada polo resto de formacións parlamentarias (PP, CiU, PNV, ERC e CC), onde se lle pedía ao executivo a renegociación coa Unión Europea das limitacións impostas ao estaleiro de Ferrolterra.
Navantia
"É unha proposta contra a pasividade, o desbalde, a inactividade e a perda de cualificación dun estaleiro con grande experiencia histórica", explicou o deputado nacionalista galego Francisco Rodríguez no Congreso. O representante do Bloque insistiu en que "non se trata de privatizar o público que está a funcionar, senón que se quere posibilitar a súa utilización e o seu rendemento social". Rodríguez explicou que Galiza "non se pode permitir ter bens públicos industriais ociosos, e moito menos na comarca de Ferrolterra".
No outro estremo, o deputado socialista ferrolán Xavier Carro quitoulle importancia ao plan presentado polo goberno galego, opinando que "non é solvente". Segundo o representante do PSOE o proxecto para que Barreras use os predios infrautilizados sería "un fracaso". Carro afirmou que o proxecto de Barreras "non ten un plan de financiamento" e "non concreta en contratos" o requerimento de uso das instalacións. "Estariamos aprobando fume", dixo o deputado ferrolán á hora de xustificar o voto en contra do seu grupo.
Ao fío, desde o BNG, Francisco Rodríguez lembraba que a iniciativa que o BNG levaba ao Congreso estaba inspirada na que xa aprobou por unanimidade o Parlamento de Galicia hai dúas semanas, coa beizón dos tres grupos. Rodríguez cualificou de "vergoñento" que a SEPI insinúe estar disposta a os usos industriais alternativos dos activos ociosos, pero bloquee a posibilidade da construción naval civil e non concrete "que proxectos". "Atacan a nosa alternativa cando foron incapaces de presentar un plan industrial para a zona", queixouse, "pretenden que Fene siga na discriminación que leva padecendo hai anos".
A oportunidade para os estaleiros de Fene pasa agora pola xuntanza que o próximo xoves terá o conselleiro de Industria e Innovación, Fernando Blanco, en Bruxelas. Blanco vaise reunir na Comisión Europea co director xeral de Defensa da Competencia, Philipp Lowe.