O Colectivo Ecoloxista do Salnés puido observar como o río da Chanca que transcorre pola parroquia de Simes (Meaño) está a sufrir dous impactos ambientais debido a dúas actuacións diferentes que están a levar a cabo dúas administracións diferentes. Estas dúas actuacións son:
1. No leito do río: excavación no propio leito fluvial, a corta e rotura da vexetación das marxes, a transformación mediante desterre de tramos das vertentes do regato e a construción de muros de pedra nalgúns tramos do río. Esta actuación depende de Augas de Galicia, cuxos técnicos manifestaron ao CES que ten como obxectivo a limpeza da canle do río para evitar riadas e inundacións posteriores.
Por escrito o CES solicitou, mediante dous escritos enviados a Augas de Galicia e á Consellería de Medio Ambiente o venres 23, que paralicen as obras que agora se están a levar a cabo polas seguintes razóns:
a) Porque facer dun regato algo similar a unha canle artificial non diminúe o risco de inundación, senón que o aumenta, pois a vexetación das marxes colabora na retención das augas e na absorción da súa enerxía cinética, evitando as acumulacións e por tanto as inundacións augas abaixo.
b) As beiras vexetadas favorecen a infiltración da auga cara as fincas colindantes. Se en lugar de raíces hai muros de pedra, este efecto verase cando menos diminuído.
c) Porque se está a producir unha destrución da vida do río xa que a vexetación actúa de refuxio e de fonte de alimento para a a fauna fluvial.
Así o CES solicitou a elaboración dun plan de rexeneración das marxes fluviais con revexetación das ribeiras con árbores autóctonas do río da Chanca e que sexan revisadas as obras sobre os ríos que, co obxectivo de evitar as inundacións - segundo Augas de Galicia -, estean a producir danos nas marxes dos ríos e regatos.
2. Na desembocadura do río da Chanca (Dena): estanse a levar a cabo unha serie de actuacións baixo o anuncio de construción do Centro de interpretación da Ría de Dena, promovido polo Plan de dinamización turística do Salnés. Esta desembocadura está dentro do Humedal Protexido Umia - O Grove e que segundo o Decreto 110/2004, do 27 de maio, polo que se regulan os humidais protexidos, non están permitidas as seguintes actuacións:
- A construcción de edificacións ou infraestruturas de calquera tipo, incluída a apertura de infraestruturas viarias.
- A introdución de especies de flora non autóctonas agás as especies hortofrutícolas.
A pesares de esto as obras que xa se están a realizar constan de (citando textualmente o proxecto da obra):
1) "Acondicionamento dunha caseta antigamente adicada a dar servizo a un clube de piragüismo como Centro de interpretación da ría de Dena."
Aínda admitindo a dubidosa necesidade dun centro de interpretación (tendo outro de recente construción a menos de 1 quilómetro), para o CES debería construírse nunha zona próxima pero máis retirada da liña de costa.
2) "Creación no terreo colindante dun pequeno xardín botánico no que se exhiban diversas especies autóctonas, debidamente clasificadas".
Ademais solicitouse por escrito á Consellería de Medio Ambiente un listado de 23 árbores para facer dita plantación. Entre elas cítanse algunhas non autóctonas: Picea excelsa, Populus nigra, Pseudotsuga menziesii, Rosmarinus officinalis, Thuja plicata.
Así o CES, ante a dudosa legalidade de todas estas instalacións, consolidadas nun recheo que se fixo sobre a marisma, enviou dous escritos á Consellería de Medio Ambiente e ao Servicio de Costas de Pontevedra solicitando:
- Que se reconsidere a necesidade de facer o centro de interpretación onde se pretende, contemplando a posibilidade de desplazalo hacia outra zona menos impactante.
- Que se prohiba a plantación de calquera especie non autóctona xa que non contribúen a conservar a biodiversidade propia das ribeiras dos ríos e sí a homoxeneizar e artificializar a paisaxe.
- Que non se permita no futuro a realización de eventos festivos que conleven contaminación acústica e perturben a tranquilidade da zona da que ata agora dispoñían as aves.
Para o CES a administración debe velar pola protección dos espazos protexidos e polos ecosistemas fluviais no seu conxunto, polo que hai que debe valorar os seus impactos na zona e sopesar a conveniencia dos proxectos.