Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ANIVERSARIO DE VIEIROS

Once anos contando as cousas desde aquí

Un 24 de febreiro de 1996 nacía un pequecho buscador de webs galegas, o primeiro Vieiros, que abrollaba como punto de encontro para os galegos en internet e en pouco tempo comezaba a achegar noticias a través da rede. Cando aínda había quen pensaba que internet era cousa de maxia, por estas datas, un 24 de febreiro de 1997 Vieiros xa lles contaba doutras maxias, as do Mago Antón, que participaba nun congreso internacional nos EUA. Mariñeiros cataláns a experimentar desde alta mar a venda en rede do peixe, a chegada do buscador ás 10 mil webs rexistradas, as últimas novidades sobre a fenda dixital galega, o relato da gran manifestación coa que Nunca Máis asolagou Madrid... Foron outras noticias o 24 de febreiro de anos anteriores. Este ano temos unha especial para destacarlles: o avance sobre o que en poucos días será o novo Vieiros.

- 11:32 24/02/2007
Tags:

Este sábado fanse 170 anos do nacemento de Rosalía. Aproveitando a conmemoración dese 24 de febreiro hai máis de vinte anos que a Radio Galega facía a súa primeira emisión. E coa mesma data de referencia, o primeiro xornal electrónico galego tamén aproveitou para botar a andar hai agora once anos.

Desde a pasada semana estivo xa visíbel unha mostra do Vieiros en proxecto. Daquela contámoslles que imos estrear deseño, pero non só iso: o novo formato traerá moitas outras novidades. Sobre ese primeiro avance pediámoslles a opinión a todos os lectores. Cambios posíbeis, reorganización da portada, novas seccións... As achegas foron moitas e variadas. Moitas grazas a todos! Tomamos nota das vosas inquedanzas e desexos para respondermos a elas no posíbel e no máis breve prazo de tempo.

A rede somos todos
Achegarnos máis á rede galega é un obxectivo para esta nova andaina. Nese desafío, unha das novidades máis visíbeis é o destaque do blogomillo. As bitácoras galegas terán maior presencia e máis destacada en Vieiros e mesmo as noticias do día recollerán os artigos relacionados coa análise dos blogueiros. Tamén as novas poderán enviarse ás redes sociais, e unha petición moitas veces atopada na nosa caixa de correo: a semente RSS de Vieiros.

Ademais, inauguramos un espazo aberto, a xeito de canal para a participación activa dos lectores, onde poderán introducir as súas propias informacións. Tamén haberá unha atención especial para a actividade dos movementos sociais e culturais. E por outra parte, resucita o chat, unha sala de conversa de acceso moi sinxelo para todos os internautas.

Nos teus ollos
Deica aquí veu o Ano Vieiros, que iniciamos o 24 de febreiro de 2006. E que é Vieiros? De onde vén, onde está e onde vai? Internet coma nova ferramenta para contar as cousas, para contalas en galego, para contalas doutra maneira, a rede á fin para contar tamén de cousas que noutros espazos non se contaban. Mirar as cousas desde o noso contorno, desde Galiza. Pensar o mundo desde aquí. Velaí algunhas respostas no que fora o noso especial Dez anos de Vieiros.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: