"Balanzo positivo" é a conclusión que sacou Blanco Villar da participación do Karpin Galicia na Volta a Andalucía. Aínda así, o substituto de Álvaro Pino á fronte do conxunto galego nesta proba lamentou a lesión de David García de cara á última tirada. "Até a penúltima xornada mantivemos a tres corredores no grupo dos mellores. A pena foi a caída de García, que era a nosa baza máis firme para a última xornada, porque estaba xa nun momento bo de forma e o terreo adaptábase ben as súas características".
Villar destaca tamén a actuación de Marcos Serrano, "que estivo todos os días cos mellores" e a de Isidro Nozal, "a pesar de que nesta última tirada quedou un pouco cortado no último porto". Aínda así, sinala que son ciclistas que malia ter os seus obxectivos para máis adiante "amosaron un gran nivel".
Pola súa parte, Marcos Serrano asegura que marcha contento da proba. "Fun de menos a máis aínda que o terreo, en xeral, non daba para sacar importantes conclusións, si permitiu na tirada de hoxe realizar un exame máis esixente e o resultado foi satisfactorio". O de Chapela xa está a pensar nos novos obxectivos: "Teño que perder un pouco de peso, uns catro quilos aínda, non é moito, pero a min cústame horrores baixalos. O meu próximo obxectivo é probarme nunha carreira cun pouco máis de montaña e tamén na contra reloxo de Murcia, que é dura e quero ver como respondo".
Serafín Martínez debutou en Andalucía co Karpin e como profesional e tamén completou unha boa actuación. "Marcho coa pena de non participar en ningunha escapada, pero contento de como me saíron as cousas". Martínez recoñece que a volta serviulle para "quitar o medo de enriba que traía e para aprender. Non agardaba este rendemento e estou convencido de que o podo facer mellor en próximas carreiras".
David García, operado o luns
David García xa ten data para a súa operación logo de sufrir unha fractura de clavícula na cuarta tirada da Volta a Andalucía. A rotura, con desprazamento, produciuse preto da articulación co ombreiro e segundo declarou o doutor Bastida, médico do equipo, este tipo de lesións habitualmente teñen un período de recuperación de catro a seis semanas. Segundo estas previsións, volverá á competición a finais de marzo.
Clasificación xeral Volta a Andalucía
1. Óscar Freire /ESP / RAB 20h20’55’’11
22. Marcos Serrano / GZ / KGZ a 25’’174
44. Isidro Nozal / GZ / KGZ a 05’11’’180
54. Serafín Martínez / GZ / KGZ 08’07’’270
65. David Abal / GZ / KGZ 14’16’266
88. Enrique Salgueiro / GZ / KGZ 40’36’460