Este mércores 21 de febreiro, Adega presentou na sede do Club Internacional de Prensa, en Compostela, Roteirríos. É un programa de itinerarios organizado polo Proxecto Ríos que quere achegar a cidadanía aos cursos fluviais nun ambiente lúdico, dar a coñecer o patrimonio natural, cultural e social vinculado, e fomentar o uso de medios de transporte sustentábeis (en bus, a pé, en bici e piragua). Roteirríos vai dirixido a toda a cidadanía, maiores de idade ou menores acompañados dalgún familar.
No primeiro ano, os roteiros achegaranse á cunca do Miño, tanto dende a beira galega como dende a portuguesa. As prazas para os roteiros son limitadas, e pode participar calquera persoa. Abonda con poñerse en contacto coa organización do Proxecto Ríos, chamando a Virginia Rodríguez ao teléfono 650 26 12 83.
As actividades comezan este sábado 24 de febreiro: irase en bus do río Louro, ao norte do Miño, ao Lima, no sur. A peculiaridade destes ríos é que dan lugar a lagoas e zonas húmidas creando uns espazos naturais e culturais de alto valor ecolóxico: a lagora Louro e a Paisagem Protegida das Lagoas de Bertiandos respectivamente. Neste último lugar serán visitados tamén o Centro de Interpretación da Lagoa e a vila de Ponte de Lima.
Un mes despois, o 24 de marzo, farase un roteiro a pé pola beira do río Tea e o seu afluente o Uma. Nesta zona pódense atopar merlos rieiros, garzas, martíns peixeiros... Ademais de gozar doutros elemento naturais e do patrimonio, como as árbores, os mexillóns de río, os muíños, as pontes ou as freixas.
Xa na primavera, o 14 de abril, farase un roteiro en bicicleta pola beira portuguesa do Miño (de Valença a Monçao): o antigo caminho de ferro que unía estas localidades converteuse na primeira via verde de Portugal, baixo o nome de Ecopista do Miño. Conta con 13 quilómetros de via ciclábel percorre lugares de alto valor ecolóxico, incluídos dentro da rede Natura 2000: as fértiles veigas do Miño, aves limícolas, acuáticas, matas ripícolas. Na Ponte Seca (Valença), adaptouse a antiga casa da Vigia como centro de Interpretación da Ecopista, que servirá de punto de saída. O Miño será tamén o protagonista da saída d 12 de maio, en canoa. De Barcela ás neves, os monitores de Arrepións acompañarán ao longo das augas bravas.
Máis sobre o Proxecto Ríos...
O Proxecto Ríos é unha iniciativa de concienciación, educación e participación cidadá en defensa dos nosos ríos. Inspecciónase o estado dos ríos galegos dúas veces ao ano, en base á metodoloxía e materiais de apoio proporcionados polo Proxecto Ríos, e son cubertas unhas follas de inspección para elaborar informes anuais e recollelos nunha base de datos accesíbel a través da rede. Toda a xente que participa faino de xeito voluntario. Tamén poden participar no Programa de Adopción de Ríos, co que se fan responsábeis de velar polo estado de aqueles treitos de río que escollan. O precedente naceu en cataluña no 99: o Projecte Ríus está conformado a día de hoxe por uns 700 grupos. No ano 2004, ADEGA asinou un convenio de colaboración coa Associació Habitats para trasladar a iniciativa á Galiza.