Os presos da base militar que Estados Unidos ten en Guantánamo seguirán sen ter dereito a denunciar a súa situación ilegal diante da xustiza civil do país. Así o decidiu un tribunal de apelacións esta semana, estabelecendo que os xulgados estadounidenses non teñen xurisdición sobre estes detidos.
A decisión implica a beizón para a norma asinada por George W.Bush en decembro de 2005, cando coa escusa da loita antiterrorista se estabeleceu que os presos de Guantánamo non teñen dereito a usar os mecanismos legais para pedir contas polo seu encarceramento aos que tería dereito calquera outro cidadán.
Só unha xuíza, dos tres maxistrados que debían decidir sobre a cuestión, votou en contra desta decisión, subliñando que os tribunais non deberan negarlle a ningunha persoa a posibilidade de presentar recurso contra a presunta legalidade da súa detención se non lle ofrecen unha alternativa "axeitada" para defender os seus dereitos. Ao respecto aínda deberá pronunciarse o Tribunal Supremo dos EUA.