Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
XINZO, VERÍN E LAZA, OS PROTAGONISTAS DA FESTA

O Triángulo do Entroido

Enzoufarse en fariña, recibir moreas de formigas famentas sobre a pel, ser perseguido por peliqueiros e morena, xogar a ser outro ou outra, comer filloas, orellas e bica, botar coplas e gozar da festa en estado puro... En toda Galiza se celebran estas festas do Entroido, pero con especial interese no xa coñecido como "o triángulo": no suroeste ourensán, Laza, Verín e Xinzo continúan a tradición.

- 13:01 16/02/2007
Tags:

Xinzo de Limia encherase de desfiles de pantallas coas súas binchas o martes, e o mércores de cinsa enterrarase á sardiña, como corresponde. Aínda para a semana vén o domingo de piñata. En Verín poderemos ver aos cigarróns e recibir mancheas de fariña. O mesmo acontece en Laza: despois das zorregadas dos peliqueiros do domingo, e da saída de morena (cabeza de vaca) o luns, chega a farrapada, na que choven fariña e formigas esfameadas, o luns á noite, unha loita na que a xente se emporcalla como nunca. A graza do Entroido é precisamente saírmos das normas e facer todo o que normalmente non se pode. Ao día seguinte, máis tranquilo, lese o testamento do burro. O de Laza é dos entroidos máis ancestrais do mundo.

Ademais, Saurreaus, co personaxe do vergalleiro, queimada e chocolatada; os charrúas de Allariz, onde tamén se celebra a festa do Boi; Maceda, coa figura máis antiga de todas, a dos felos; a Mázcara de Manzaneda, os boteiros e a Mula de Viana do Bolo e os de Vilariño de Conso, onde ademais se celebra a XII Festa do Cabrito, son outras referencias de interese para quen pase este Entroido en Ourense.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: