A escritora e profesora de Lingüística na Universidade de Santiago de Compostela visitará a semana vindeira Catalunya e ofrecerá unha conferencia na Universidade de Barcelona co título de "Herba Moura", título da súa novela que acadou o premio Xerais no 2005, traducida ao catalán e ao español. Informa Filoloxías Galega e Portuguesa da UB.
Teresa Moure é unha das narradoras galegas máis galardoadas dos últimos anos. Ademais do Xerais, tamén foi laureada no 2005 co Ramón Piñeiro de Ensaio por Outro idioma é posible e co o Premio Irmandade do Libro á Autora; e no 2004 recibiu o Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta por A xeira das árbores. A súa vindeira novela titularase Benquerida catástrofe e será publicada por Xerais no mes de marzo.
Tamén ten publicado varios de traballos nos que trata a responsabilidade ética da investigación ou o temor ao colonialismo e á homoxeneización cultural, baixo un punto de vista anti-globalización. Para coñecer un pouco máis a Teresa Moure, nesta ligazón podedes ler unha entrevista, realizada por Iolanda Martínez para Vieiros:Barcelona o ano pasado, e aquí escoitar a súa interesante intervención na tertulia "Os premios literarios", organizada polo Consello da Cultura Galega o decembro de 2005, canda a editora Belén Fortes e o xornalista e escritor Camilo Franco.
Conferencia de Teresa Moure: "Herba Moura"
Venres 23 de febreiro de 2007 ás 19:30
Universitat de Barcelona
Edifici Històric, Aula 111
Gran Via de les Corts Catalanes, 585 - 08007 Barcelona
Filoloxía Galega e Portuguesa da UB é membro de Rede.cat.