A Consellería de Cultura e Deporte, a Real Academia, o Consello da Cultura e a Universidade de Santiago de Compostela deseñaron un programa de actividades para conmemorar o centenario do Himno, que se cumpre este ano. O protagonista de todos eses actos será o compositor Pascual Veiga, que lle deu música ao poema Os pinos de Eduardo Pondal.
O papel da consellaría será promover un proxecto de investigación sobre Veiga, que pretende analizar con rigor toda a súa obra e inserila na tradición cultural galega e europea. Froito deste traballo, publicaranse dous volumes coas súas composicións completas. As conclusións do proxecto daranse a coñecer nun congreso que se vai desenvolver do 1 ao 3 de marzo na Escola de Altos Estudos Musicais.
Pola súa banda, a USC prepara un ciclo de concertos de música galega arredor do Rexurdimento, a partir do mes de maio, e un curso sobre Pascual Veiga, que comezará en setembro. Nel, participarán especialistas do país e do Estado, que revisarán a sociedade, a música e a política da época e prestaranlle especial atención á xénese do Himno.
Asemade, o Consello da Cultura e a Real Academia elaborarán conxuntamente unha publicación sobre os símbolos de Galiza, que incluirá referencias á bandeira, ao escudo e ao Panteón de Galegos Ilustres con abondosa documentación. A obra irá acompañada dun disco con distintas interpretacións históricas do Himno.