Alexandre Gómez Garrido, concelleiro de Urbanismo e Xosé Luís Mosquera, responsábel de Cultura no Concello de Gondomar, foron detidos pola Garda Civil a última hora do mércores. As detencións inclúen tamén ao arquitecto municipal e á compañeira sentimental dun deles. Presuntamente, estarían implicados nunha trama urbanística que inclúe o cobro de comisións a cambio de licenzas. A operación foi autorizada polo xulgado número 6 de Vigo logo das instrucións da fiscalía de medio ambiente e delitos urbanísticos do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
O presunto cobro de cartos a cambio da concesión de licenzas e a axilización de expedientes urbanísticos é a principal acusación á que deberán responder os detidos. A operación policial acelerouse ao detectar este mesmo mércores unha nova manobra deste tipo. A investigación iniciárase pola denuncia dun promotor ao que lle terían solicitado un pagamento ilegal a cambio de favores urbanísticos en predios do municipio.
O Plan Xeral de Ordenación Urbana do Concello de Gondomar permanecía paralizado logo da decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia despois dun recurso presentado contra o documento polo grupo socialista local. Así e todo, o Concello teimou en dar máis licenzas urbanísticas, até arredor de 300, segundo queixa da oposición municipal.