Despois do ciclo sobre cinema e memoria, febreiro trae a obra de tres directores ao Cineclube de Compostela: o portugués Pedro Costa, Danièle Huillet e Jean-Marie Straub. De Costa xa puidemos ver parte dos seus filmes no ciclo organizado polo CGAI o pasado outono, e desta volta, o ciclo ábrese con Ósos, a súa terceira longametraxe. Poderemos vela o mércores ás 22.00 no local social O Pichel.
Ambientada no barrio lisboeta das Fontainhas, a mesma Vanda que protagonizaría despois No quarto da Vanda e Juventude em marcha e outros personaxes ofrecen un duro retrato de si mesmos, limpo, directo, que mira á cámara.
En Estrela de África, un barrio crioulo dos arredores de Lisboa, un bebé de poucos días sobrevive a varias mortes: a primeira, cando a súa novísima nai, Tina, abre o conduto do gas. Despois, é rescatado polo seu pai, que andará pedindo esmola pola rúa e chegará a pensar en vender o cativo.