Asociacións ecoloxistas e organizacións sociais organizan este domingo unha concentración no Carballiño para protestaren contra a caza do raposo. A manifestación, aberta a todo o mundo, coincide coa disputa da cuarta edición da Copa estatal desta disciplina na comarca. Haberá buses dende Lugo, Compostela, Ourense, Vigo e Madrid, entre outros lugares, para poder acudir ao acto. O colectivo cívico Matar por matar, Non! ten previsto realizar diversos actos pacíficos "para atrancar e amolar o desenvolvemento do macabro evento", entre os que salienta a espantada dos animais.
O pasado 4 de febreiro xa houbo unha primeira concentración contra a organización da IV Copa de España de Caza do Raposo. "Non pode haber unha caza responsábel se do que se trata é de ver quen mata máis raposos", sinalan dende Adega. A teima dos responsábeis da cita cinexética en realizar a proba, trouxo consigo un "cambio de estratexia" nas asociacións denunciantes.
A actividade principal prevista consistirá na "espantada" dos animais. Os activistas e voluntarios dos grupos ecoloxistas, xunto a particulares e membros doutros colectivos solidarios, escorrentarán dende a mañanciña aos raposos, facendo ruído con elementos de percusión.
Ademais, realizarán unha vixilancia para comprobar que non se caza nas zonas estabelecidas como de seguridade (estradas, pistas, inmediacións de lugares habitados, etc.). Xa ás 13 h, haberá unha concentración de protesta fronte ao restaurante onde se congregarán os cazadores ao fin da xornada.
Esta iniciativa está organizada polo colectivo Matar por Matar, Non!, e conta co apoio de Verdegaia, Ridimoas, Adega, Coto do Frade, Amigos da Terra, Equanimal, Outeiro e da Sociedade Galega de Historia Natural. Para participar nos actos organizados por estes colectivos cómpre asinar un documento, declarando asumir a responsabilidade do participante.