O artista compostelán Antón Cabaleiro vai expoñer a súa nova serie de debuxos NYC Modular Structures na Feira Internacional de Arte Contemporánea (ARCO), en Madrid, do 15 ao 19 de febreiro. O seu traballo consta de representacións de arquitecturas neoiorquinas reais, que se poden atopar nas rúas da cidade estadounidense.
Os debuxos de Cabaleiro forman parte dunha cadea de módulos intercambiábeis cos que se poden crear rúas en serie. As obras atoparanse no posto da galería ourensá Marisa Miramón. Asemade, está a amosar na Casa Encendida de Madrid a obra Polaris, vídeo de debuxos dixitalizados nos que os individuos se adaptan a unhas "medidas perfectas" que lles son alleas, e que xa estivera en ARCO o ano pasado.