Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CONSIDERA QUE SON AS PRINCIPAIS MEDIDAS PARA ORDENAR O TERRITORIO

O bipartito saca adiante a Lei da beiramar e o Banco de Terras

O Consello da Xunta aprobou hoxe dúas importantes medidas para a ordenación territorial. O Goberno galego deulle pulo á lei de protección da beiramar e ao Banco de Terras. Mentres que a primeira busca atallar o grave caos urbanístico que sofre a costa, a segunda preséntase como a principal aposta do bipartito para ordenar a superficie agraria e relanzar o sector primario.

- 13:38 08/02/2007
Tags:

A lei de protección da costa estase a tramitar coa máxima urxencia. Hai quen cre que incluso podería entrar en vigor antes do mes de xuño. A norma prohibirá a construción nunha franxa costeira de 500 metros. A medida só afecta a aqueles concellos que non teñan adaptados os seus plans urbanísticos á lexislación vixente. Normas semellantes xa se aplicaron anteriormente en lugares como Asturias, Cantabria ou Cataluña. Dende Política Territorial sinalan que unha medida especial para evitar protexer a costa mentres que os concellos non presentan as súas normas.

No que respecta ao Banco de Terras, Medio Rural agarda que sexa unha das principais ferramentas para reactivar o campo galego. A Xunta cre que coa mobilidade de terras pódense recuperar ata 200.000 hectáreas de superficie útil para o cultivo nun prazo de dez anos. As comarcas do Valadouro, Deza, Xallas e A Limia poden ser as primeiras en ensaiar o novo sistema este mesmo ano. Dende o goberno coidan que, ademais de incentivar a actividade no sector primario, a normativa é un bo paso para loitar contra os incendios forestais, propiciados en boa parte polo abandono da terra.

Boas novas para o polígono de Carballo
O Consello da Xunta tamén deu luz verde, entre outros asuntos, á primeira fase do Parque Empresarial de Carballo, para este ano está previsto un investimento de dez millóns de euros. Tamén se aprobou a declaración das Burgas como Ben de Interese Cultural (BIC) e a unha partida de 700.000 euros para a asistencia de persoas con discapacidade intelectual.


0/5 (0 votos)