Este mércores 8, ás 20'30, Áncora Producións fai a súa única función de Final de película, unha produción nomeada aos Premios Max na categoría de mellor texto en galego, xunto con A casa do pai, de Carlos Álvarez-Ossorio, e Carambola (cóncavo, convexo), de José Luis Prieto. O propio Gustavo Pernas, autor do texto, dirixe ao elenco, integrado por Ánxela Abalo, Estíbaliz Veiga, Xavier Deive, Vicente de Souza, Fernando Morán e Marcos Pereiro. Esta comedia poderá verse no Teatro Principal de Pontevedra.
Nunha sala de cine proxéctase un filme alemán subtitulado, con catro espectadores: o Espectador, O home, O mozo e A muller. Cando o filme queda interrompido de súpeto, e o Acomodador, un home vello que agocha a súa cegueira, non dá reposto a proxección, todos comezan a imaxinar diferentes finais para o filme. Céntranse sobre todo no personaxe dunha inmigrante turca que traballa de asistenta no fogar dunha familia alemá de clase media e que sofre as aldraxes dos seus membros. E non tarda en entrar na sala Mayra, unha muller nova, de orixe colombiana, que foxe de alguén ou algo, e ten estrañas semellanzas coa rapaza do filme.