Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
UU.AA. ACUSA Á XUNTA DE NON USAR A ENERXÍA EÓLICA PARA DETER O DESPOBOAMENTO RURAL

Os veciños dos parques eólicos reciben o 1% dos beneficios

Obrigar ás empresas a reverter máis cartos nas zonas en que se constrúen parques eólicos. Iso é o que reclama o sindicato Unións Agrarias (UU.AA.) á Xunta, que acaba de aprobar un lote de 24 parques, entre novos emprazamentos e ampliacións. Na actualidade, o libre mercado deixa só o 1% dos beneficios aos propietarios dos terreos nos que se erguen os muíños de vento, segundo o sindicato. Unións entende que, coa aprobación deste lote de parques, o Goberno prioriza os intereses das empresas e da administración no lugar de lexislar unha solución útil para deter o abandono da Galiza interior.

- 07:00 08/02/2007
Tags:

No referido ao reparto dos beneficios, Unións defende que "a concesión de 511 megawatios suporá as empresas beneficiarias un ingresos brutos anuais de 130 millóns, dos que os 8.000 propietarios recibirán só 1,3".

O mercado libre só deixa o 1% nas aldeas
E é que a compensación que reciben os veciños non está lexislada, tal e como pide Unións, senón que depende da negociación directa coas empresas . O Sindicato reclama que a Xunta impoña algunha fórmula pola que un 10% dos beneficios sexa para os donos dos terreos. Fontes da industria eólica consideran esta porcentaxe excesiva, porque reduciría moito os beneficios reais das compañías inversoras.

O sindicato relaciona a mínima compensación que reciben agora os cidadáns co despoboamento do campo: "a única forma para que os veciños non abandonen as aldeas é que haxa desenvolvemento rural". Por iso solicita que a Xunta cree "un marco normativo adecuado" a prol dos veciños, petición que non recolle o texto aprobado no DOG.

Impacto ambiental
Entre os parques eólicos que reciben luz verde, existe un proxecto situado na ribeira do Sil, unha zona de gran valor paisaxístico. A Xunta argumenta que descartou "os proxectos nos que se detectou unha posible afección sobre espazos naturais". Sen embargo, fontes do sector interpretan que algúns proxectos aprobados si poden prexudicar zonas con valor ecolóxico. En todo caso, o texto publicado no DOG non implica a autorización definitiva dos parques. Trátase dun primeiro paso, pois agora os proxectos deberán superar máis estudos de impacto medioambiental.

O que si logrou a Consellería de Industria é que unha porcentaxe das accións dos parques quede nas mans da Xunta. A longa negociación de Industria e as empresas eólicas sobre isto fixo, entre outros factores, que a aprobación destes parques eólicos se atrasase varios meses sobre os prazos inicialmente previstos, segundo fontes do sector.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: