O ciclo sobre memoria e cinema chega ao seu fin.. Iniciado con CCCV. Cineclube Carlos Varela, de Ramiro Ledo Cordeiro, nel puidemos lembrar a este cineclubista, a Raymundo Gleyzer, asasinado pola ditadura arxentina, viaxar a Valparaíso con Ivens e ás vías do tren en Santa Fe con Fernando Birri, e, a semana pasada, e darlle a volta ao espello con Chris Marker en Sen sol. O ciclo abriu co director Ramiro Ledo presentando o seu traballo, e pecha, de igual xeito, con Alberte Pagán introducindo Bs. As., un documental de 79 minutos no que aborda a emigración dos seus antepasados en Bos Aires.
O Cineclube de Compostela presenta un novo filme este mércores ás 22.00, no seu local da rúa Santa Clara. Bs. As. é un filme de autor no que o autor amosa a súa ansia pola experimentación formal, o encadre, os movementos de cámara, a duración dos planos, filtros, tratamento dixital…Pagán ten unha ampla experiencia sobre o cinema experimental mundial: dende hai catro anos comezou a realizar obras audiovisuais independentes, fóra da industria: Conversas em Zapatera (2002), Como foi o conto (2004) ou Os Waslala (2005).
Neste documental, Pagán recorre á narración oral e á lectura de correos electrónicos para retratar a cidade e o paso do tempo por ela. Podemos coñecelo a el e á súa técnica un pouco máis de vagar nunha entrevista realizada por Ramiro Ledo e publicada en Sono-Tone.