O presidente iraniano, Mahmoud Ahmadinejad, anunciaralle ao mundo este domingo que a república islámica ten o remedio contra a sida. Segundo informa a axencia Fars, a menciña, denominada Imod, é froito de sete longos anos de duro traballo dos científicos iranianos. A droga, feita a base de herbas, é completamente efectiva e segura, sen que se lle atopasen efectos secundarios, segundo afirmou o sábado o ministro de Sanidade de Irán, Kamran Bagheri Lankarani. Ao parecer, o medicamento fortalece o sistema inmunolóxico dos pacientes contra o VIH e mellora a súa calidade de vida.
Este será un dos grandes logros que anunciará o presidente de Irán o día 11, e dos que se fai eco o xornal israelí Yedioth Ahronoth. Pero non será o único. Ahmadinejad fará públicos outros avances médicos e tecnolóxicos da república islámica e, o máis importante, o 11 de febreiro será o día no que Irán proclame o seu dereito inalienábel a empregar a tecnoloxía nuclear. A xornada coincidirá co "amencer de dez días", celebración na que se conmemora a revolución islámica de 1979.