Segundo denunciou a asociación ecoloxista Greenpeace, a Consellería de Medio Ambiente aínda non lles enviou a información sobre o verquido no río Umia, solicitada oficialmente o 24 de outubro. "A Xunta está a cometer unha ilegalidade", sinalou a responsábel de tóxicos da ONG, Sara del Río. A lexislación estatal establece o acceso libre á información ambiental, e dá un prazo de dous meses para recompilala e entregala ao solicitante. Dende Medio Ambiente explican que a tardanza está motivada pola "minuciosidade" do informe que están a elaborar, e que será publicado "antes de finalizar febreiro".
Greenpeace sinalou que, tras o verquido tóxico ao río Umia (Pontevedra) a principios do pasado setembro, reclamou en varias ocasións diversa información sobre o suceso e sobre a empresa implicada, Brenntag, sen obter resposta. "O conselleiro Manuel Vázquez comprometérase daquelas a facilitarnos todos os datos", comentou Sara del Río, "e remitiunos a Emilio Fernández, director xeral de Desenvolvemento Sostíbel, mais aínda non recibimos novas de ningún dos dous".
Dende Medio Ambiente alegaron que a información solicitada -o estudo dos focos do verquido- requiriu "moito tempo", dado o pormenorizado dos datos. Ademais, manifestaron que estes se han de publicar "antes de finalizar febreiro", e que incluirán unha análise das confederacións hidrográficas do Norte, do Douro e da Costa.
Información sobre o Plan de Acción
Porén, Sara del Río afirmou que até o de agora, "a Xunta non se dignou sequera a contestar explicando o porqué da tardanza". Ademais, sinalou que outro tipo de datos como a Autorización de Verquido concedida á Brenntag, así como o Plan de Urxencia e o Plan de Acción da planta son documentos que "non hai que elaborar, xa que tanto a Administración galega como Protección Civil deberan de telos no seu poder cando se produciu o verquido".
A este respecto, Medio Ambiente declarou que se trata dunha cuestión de "prioridade" e que tras o estudo sobre os focos, tamén se entregará o resto da información.