"Sistema Operativo Windows 98/X9/2000" e "navegador internet explorer 5.5 compatíbel ou superior". Estes son dous dos "requirimentos" que teñen que cumprir os xulgados galegos para introducir o sistema LexNet, unha nova ferramenta de comunicación electrónica na xustiza. Así o indica un convenio firmado pola Xunta e o Estado que foi publicado o venres no BOE. Aínda que a Consellería de Presidencia argumenta que o sistema é quen de funcionar con programas libres, este acordo mostra a contradición entre o discurso oficial de promoción do software aberto e a practica cotiá, que, neste caso, pasa por confiar nas ferramentas de Microsoft.
O apartado "Requisitos de Hardware e Comunicacións" especifica que "para a utilización do sistema LexNet polas Oficinas xudiciais na Comunidade Autónoma de Galiza" estes departamentos deben empregar unha serie de ferramentas, sinalando en concreto os citados programas de Microsoft. Porén, Presidencia aclara que se trata dun "requisito mínimo" e que Lexnet tamén funcionará con ferramentas abertas. Unha circunstancia que, en realidade, o convenio non recolle.
Lexnet é un sistema de correo electrónico para facilitar os trámites entre os axentes da Xustiza (funcinarios, avogados, etc.), segundo explica o acordo asinado en decembro polo conselleiro de Presidencia, Xosé Luís Méndez Romeu, co seu homólogo estatal, Fernando López Aguilar.
Os programas abertos, grazas a que poden ser mellorados por calquera programador, acostuman ser menos vulnerábeis aos ataques informáticos, algo vital nas comunicacións da Xustiza. Por exemplo, o novo sistema operativo propietario Windows Vista deixa pasar até un 84% do spyware habitual, segundo datos da consultora Webroot. Polo tanto, o uso de programas de Microsoft que suxire Lexnet podería, finalmente, converter as comunicacións electrónicas dos xulgados galegos en menos seguras.
En contra da recomendación do Congreso
Tanto a Xunta de Galicia como o Estado teñen afirmado repetidamente o seu apoio ao software libre, algo que non son as aplicacións sobre as que se basa LexNet. Así, o Congreso dos Deputados aprobou en setembro unha proposición que insta ao Goberno a "fomentar e garantir o impulso e adopción de estándares abertos dende a Administración do Estado". Pola súa banda, o documento que guia as políticas da Xunta sobre a sociedade da información, o PEGSI, cualifica de "imparábel e irrenunciábel" a "adopción por parte das administracións públicas de sistemas informáticos baseados en estándares abertos".
Se ben é evidente que a inmensa maioría dos usuarios empregan Windows, non sucede o mesmo co navegador Explorer. E é que unha das alternativas abertas, o Mozilla Firefox, xa é empregado por case un terzo dos internautas.