As asociacións viguesas integrantes do Foro Social Galiza Sur organizan este sábado o Festival Pobreza Cero, "unha tarde de música e solidariedade" para protestaren polo incumprimento dos Obxectivos do Milenio, ODM. A Praza do Rei será, a partir das 19.00 horas, o escenario en que actuarán distintos grupos de teatro, de música e de contacontos.
No ano 2000 os líderes mundiais comprometéronse cos Obxectivos do Milenio. Porén, segundo sinalan dende o Foro Social Galiza Sur, a axuda dos países ricos aos pobres diminuíu nun 25%. "Cremos que xa chega de palabras, que toca actuar de verdade, sen demagoxias. O FMI prometeu que cancelaría a débeda externa de 18 países, mais a realidade é que finalmente só serán 12 estados, cando cumpriría condonaren a débeda de 62 para alcanzar os ODM", afirman.
O Foro Social Galicia Sur agrupa a unha grande maioría das ONG de desenvolvemento viguesas e outras asociacións. Actualmente son: Aida, Amarante, Amnistía Internacional, Axuda en Acción, Cáritas diocesana, Comité Óscar Romero, Coordinadora galega de ONGD, Dar Máis, Educación Sen Fronteiras, Entreculturas, Enxeñería Sen Fronteiras, Fondo Galego de Cooperación, Fundación Secretariado Xeral Xitano, Imán Autoapoio VIH/Sida, Implicados/as No Desenvolvemento, Intermón-Oxfam, Inti, X.T.M.-Xoves do Terceiro Mundo, Rede de Xoves Solidarios, Mundos-Comercio Xusto e Verdegaia.