A fachada atlántica galega será a única representante do noso país na candidatura que presentará o Estado para a declaración de Patrimonio Cultural Europeo. Abrangue toda a costa atlántica, dende Estaca de Bares até a desembocadura do Miño, e baséase nas peculiaridades xeográficas e históricas e na súa relación co resto do Atlántico europeo. A UE creou o recoñecemento para os bens culturais que tiveron un papel na construción dos espazos europeos. A decisión farase pública contra mediados de ano.
As Consellería de Cultura presentou outros tres aspirantes: os camiños de Santiago, a cultura castrexa e as fortalezas na fronteira con Portugal, pero foron desestimados polo Consello de Patrimonio Histórico Español. Terán unha nova oportunidade en novembro. O Ministerio de Cultura presentará en marzo en Bruxelas as catro candidaturas do Estado, que son, ademais da fachada atlántica galega, o mosteiro de Yuste, o arquivo histórico da Coroa de Aragón e a Residencia de Estudantes de Madrid. Se a costa fisterrá acada a distinción, contribuirá á promoción da cultura galega a nivel internacional e, asemade, fortalecerá a sensibilidade pola nosa riqueza patrimonial.