Hai trinta e seis anos da sinatura na cidade iraniana de Ramsar da Convención Internacional sobre os Espazos Húmidos. Malia a súa importancia para o contorno natural, durante anos as áreas húmidas foron estragadas por urbanizacións sen control, desecamentos e outras actuacións. Ferrolterra, Sanxenxo ou a zona portuguesa de Mira, son exemplos de agresións a estas zonas que nos trae a actualidade recente.
Entre 2000 e 2004 a empresa Construcuatro, propiedade do alcalde de Sanxenxo e candidato á alcaldía de Pontevedra en 2007 polo PPdeG, Telmo Martín, mercou tres leiras no concello, en total 3.729 metros cadrados, dúas delas antes da propia aprobación do Plan Xeral de Urbanismo do Concello. A continuación, os predios foron vendidos á empresa Construziona, onde son socios dous irmáns do ex conselleiro Xosé Cuíña. Segundo explican desde a asociación Salvemos Sanxenxo o valor das dúas primeiras leiras, mercadas antes de aprobarse o PXOM, "aumentou en vinte veces logo da súa recualificación". Logo de denunciaren que a promoción ameaza a área húmida da zona, o xulgado de Cambados ordeou paralizar a construción da urbanización de luxo aló proxectada, tal e como llelo contaba Vieiros hai semanas.
Outra ameaza a unha área húmida en Galiza é o da piscifactoría proxectada para o contorno da praia de Ponzos, na parroquia ferrolá de Cobas, un espazo húmido de gran valor ecolóxico e protexido pola rede europea Natura. Despois de publicarse o primeiro avance do que será o novo Plan Galego de Acuicultura, grupos ecoloxistas de Ferrolterra xa advertiron de que se introduciran localizacións protexidas entre os espazos destinados ás granxas piscícolas. Un deles é ese contorno de Ponzos, un treito de costa de vizosa biodiversidade.