O próximo 18 de febreiro, os tecores do Carballiño e o Ribeiro acollen a IV Copa de España de Caza do Raposo. ADEGA, Outeiro, Ridimosas, Coto do Frade, Amigos da Terra, Verdegaia e o Movemento Cívico Matar por Matar Non, solicitan á Consellería de Medio Ambiente que modifique a Lei de Caza, de xeito que se prohiban as competicións e actividades cinexéticas no monte durante a época de cría, que se restrinxa a circulación de tráfico polo monte nesas datas, e, ao mesmo tempo, que se estabeleza unha temporada de caza única e as batidas non se realicen fóra de época. Tamén propoñen a creación dun Comité Regulador de Actividades Cinexéticas que garanta a sustentabilidade da fauna.
A tempada de caza rematou o día 7 de xaneiro, e agora comeza a época de apareamento. Estes colectivos salientan a maior gravidade que supón unha actividade cinexética en tempada de cría, que pode carrexar un risco para a supervivencia da especie.
"Esta continua actividade no monte non deixa sosego para que os animais se reproduzan, e así temos que asistir á solta de animais criados en catividade para despois cazalos, sen que, polo xeral, teñan tempo de se adaptaren ao novo hábitat en liberdade". Salientan que especies como os coellos autóctonos, o lobo, as perdices silvestres, o teixugo, a donicela, ou a aguia están a desaparecer dos nosos montes, non só por mor das actividades cinexéticas en si, senón tamén grazas á creación de infraestruturas ou vías de comunicación no monte.