A tan agardada Lei do libro e a lectura foi publicada no DOG o pasado 10 de xaneiro e entrou en vigor o 30. Os resultados non se fan esperar: no 2007, un programa de investimentos de 7,1 millóns de euros tratará de fortalecer a industria editorial galega. A Consellería de Cultura e Deporte elaborará no primeiro semestre do ano un plan de fomento da lectura e outro de desenvolvemento da industria do libro.
O prestixio e valoración da lectura pode ser a base para o enriquecemento persoal da cidadanía e para o afortalar unha sociedade libre. A animación á lectura é, xa que logo, un dos sectores estratéxicos. A nova Lei destaca a importancia do sector editorial "cultural, social e economicamente, como instrumento para a expresión do dereito á creación, á promoción e á divulgación da cultura, a historia e a lingua de Galiza". Con ela quérese asentar un marco xurídico que fortaleza todas as facetas: creación, tradución, edición, impresión, produción, elaboración, deseño gráfico, diagramación, ilustración, distribución, venda e difusión. Tamén prevén a creación do Consello Asesor do Libro, como organismo asesor no referente ás políticas relacionadas co sector do libro galego e do fomento da lectura en Galiza.
Os obxectivos cruciais son as bibliotecas, a edición, a promoción exterior e o fomento da lectura. No primeiro caso, trátase de ampliar tanto os fondos como os soportes, e dotar de recursos informáticos axeitados os centros, ademais de insistir na formación do persoal. En canto á edición, búscase, por unha banda, incentivar a compra de novidades en lingua galega, fomentar a tradución, e subvencionar grandes proxectos editoriais.
Puntos clave
Para contar cun sector do libro consolidado resulta clave que a cidadanía teña uns hábitos de lectura. As actividades de fomento e animación , tanto en bibliotecas como en centros culturais, complementaranse con campañas noutros eidos, como o comercio, centros de saúde, medios de transporte. Por outra banda, apoiaranse eventos puntuais, como feiras do libro, salóns do libro infantil e xuvenil, semanas da lectura... E tamén as actividades organizadas por asociacións e clubs de lectura. Complementariamente, estabeleceranse convenios con axentes do mundo editorial.
En canto á promoción do libro galego no exterior, a asistencia a feiras internacionais do libro no 2007 (La Habana, Boloña, Bos Aires, LIBER-Barcelona, Frankfurt ou Guadalajara en México), festivais e encontros literarios, conforman o plan de actividades que serán apoiadas nestes orzamentos.