Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MINISTERIO E GOBERNO ANDALUZ ACORDAN QUE ESTEA NA LOCALIDADE DE TARIFA

Confirman que o centro estatal de investigación eólica se construirá en Andalucía

A extensión dos muíños de vento en outeiros do país, que agora mesmo xa pon a Galiza á cabeza do Estado en produción eólica, non irá acompañada dun esforzo no ámbito da innovación. Xa que logo, a industria terá a súa referencia en Cádiz, concretamente no concello de Tarifa, onde o executivo estatal decidiu que se localice o Centro de Investigación Tecnolóxica en Enerxía Eólica.

- 07:36 27/01/2007
Tags:

Entre as oito novas "instalacións científicas e técnicas singulares", ICTS, que o goberno español accederá a desenvolver en territorio andaluz, cun investimento conxunto de 130 millóns de euros, estará tamén este centro de investigación eólica. Tarifa, concello pioneiro na instalación de muíños, será a sede das instalacións eólicas, segundo o acordo da ministra de Educación, Mercedes Cabrera, e o conselleiro de Innovación andaluz, Francisco Vallejo. Segundo o goberno andaluz, as principais empresas do sector xa confirmaron o interese por botar man desde centro para a experimentación de novas tecnoloxías e o desenvolvemento de proxectos de investigación relacionados.

O executivo estatal xa lle dera á beizón para a sede en Andalucía a outros centros tecnolóxicos no ámbito das enerxías renovábeis, entre eles un sobre enerxía solar, en Almería, e outro para a investigación sobre cultivos enerxéticos, proxectado para Xaén. Con todo, no que lle toca ao desenvolvemento da produción de enerxía eólica, e malia puntuais casos pioneiros como o de Tarifa, Andalucía avanzou moi lentamente nos últimos anos. Na actualidade, Galiza produce arredor do 30% do total de enerxía eólica do conxunto do Estado, e por tras do noso país aparecen Castela A-Mancha, Castela e León e Aragón, que xunto ás instalacións galegas completan as tres cuartas partes da produción estatal.


Ligazóns

0/5 (0 votos)