Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MÁIS COMPETENCIAS PARA CONTRARRESTAR O PARÓN NO NOVO ESTATUTO

Vicepresidencia marca dez áreas prioritarias no camiño do autogoberno

En breve prazo haberá un plan de traballo e un calendario "concreto" para o traspaso das prioridades competenciais que a Xunta quere amarrar antes de que finalice a lexislatura. Fronte á paralización da reforma estatutaria, o goberno vai acelerar a negociación con Madrid de diversas transferencias. Tráfico e seguridade viaria, centros de investigación, demarcacións xudiciais ou grandes infraestruturas agora mesmo compartidas, están entre as claves que se pretende asumir na proposta para a "aceleración" ao autogoberno.

- 10:41 26/01/2007
Tags:

Ordenación do territorio; identidade, institucións e liberdades públicas; e benestar: Son as tres grandes áreas sobre as que a Xunta quere avanzar no proceso de incorporación de novas competencias. A negociación correspóndelle á Vicepresidencia da Xunta, desde onde o secretario xeral de Relacións Institucionais, Antón Losada, asegura que lle van presentar ao ministerio un itinerario "claro" e "realista" que subliña onde "quere estar Galiza" ao final desta lexislatura.

Vinte temas "prioritarios" e outros dez "moi importantes"
En breve haberá unha xuntanza do vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, co ministro de Administracións Públicas, Jordi Sevilla, onde se vai recuperar o diálogo xa iniciado meses atrás, e que fora adiado mentres avanzaba en Galiza a negociación estatutaria. Segundo Losada, desa reunión deberá saír a "vontade política" de acelerar as transferencias e un "plan de traballo" preciso que guíe o proceso até a fin desta lexislatura.

Transferencias en materia de seguridade: medios, servizos e efectivos necesarios para a creación do corpo galego de policía xa deseñado pola Xunta; o corpo de inspectores de traballo; no ámbito da xustiza, como é o caso do corpo de secretarios xudiciais e as demarcacións xudiciais; en materia de infraestruturas ferroviarias, coa planificación, programación e xestión das incorporadas na rede estatal que discorren por territorio galego: transferencia da xestión dos portos de interese xeral e completamento do proceso de transferencia de aeroportos; asunción exclusiva de todas as funcións e servizos relacionados co agro; transferencia dos centros de investigación do Estado con sede en Galiza; transferencia de locais de uso social que en moitos casos a Xunta xa está xestionando pero dos que non ten a propiedade; todos os arquivos históricos e museos... Serán en total vinte temas: dez áreas "prioritarias" e outras dez nas que se pretende "avanzar" significativamente.

Optimista cara a ese proceso aberto co Ministerio de Administracións Públicas, o secretario xeral de Relacións Institucionais, Antón Losada, opina tamén que a negociación competencial axudará a medio prazo no relanzamento do debate estatutario. "Aumentarán as posibilidades de que o asunto volva á axenda máis rápido", reflexiona. Ao fío, lembra que cando se abriu a negociación na comisión mixta de transferencias, houbo quen criticou que podía "dificultar" o proceso estatutario. Pola contra, na súa opinión, o informe presentado no seu momento "foi unha guía bastante útil para o proceso estatutario en todo o que tiña que ver co ámbito competencial". Malia iso, ao respecto da recuperación do debate advirte de que será complicado "mentres en Madrid non cambien as circunstancias" e o PP teime en bloquear a posibilidade de acordos "pola única razón de non darlle foto a un acordo onde estean tamén un nacionalista e un socialista".


0/5 (0 votos)