Ducias de institucións e colectivos garantíronlle xa o seu apoio á iniciativa da Asociación PuntoGal a prol dun dominio galego en internet. Agora chega a etapa da procura de apoios individuais. Na web do colectivo está aberto o espazo para asinar individualmente a proposta, "deixando constancia do apoio ás reivindicacións da Asociación PuntoGal". No momento de escribirmos estas liñas, un cento de persoas xa asinaron. O aval dos apoios sociais será clave para que á hora de levar a petición fronte á ICANN o desafío se resolva con éxito para Galiza.