O hotel "Louxo", da Illa da Toxa, fixo público un comunicado para afirmar que xa a pasada semana se suprimiu do manual de atención o veto á lingua galega. A dirección volveu repetir que todo se debe a un "erro" e fala dunha "redacción desafortunada xa que, a nosa filosofía é que os traballadores falen sempre no idioma que entenda o cliente, que nun 90% é de fora de Galiza". Os responsábeis dos complexo hosteleiro reuniranse este mesmo martes con representantes da Mesa pola Normalización Lingüística.
Nunha nota de prensa, dende o hotel lembran que teñen un capital integramente galego e que en vinte anos de funcionamento "nunca tivemos problemas lingüísticos nin cos clientes nin cos traballadores, aos que lles falamos e respostamos no idioma que desexan"
A filtración do manual do hotel por internet desatou unha forte polémica. O BNG presentou esta mesma semana preguntas no Parlamento. Os nacionalistas coidan que a Xunta debe tomar medidas contra as situacións de discriminación lingüística.