Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
ENTREVISTA

Miguelanxo Prado, director de 'De Profundis': "Para calquera persoa que lle guste que lle conten un conto"

A longametraxe animada de Miguelanxo Prado "De profundis" estréase nas salas comerciais. O filme presentarase na Coruña e en Madrid e esta mesma semana presentouse en Barcelona, onde estivo presente canda os produtores. A obra de Prado, recoñecido autor de BD galega a nivel internacional, traspasa o papel, as exposicións e o cinema e tamén chegou aos escenarios: hai pouco púidose ver no Versus Teatre a adaptación en catalán da súa serie "Quotidianía delirante". Entrevista de Xabier Paradelo.

- 22:08 18/01/2007
Tags:

"De profundis" é unha homenaxe ao mar pero tamén é...

Unha viaxe ó longo dun soño e ó fondo do universo creativo dun pintor.

Un dos aspectos máis arriscados do filme é a estética de óleo. Explíquenos esta elección.

E o medio no que habitualmente traballo cando fago pintura, ilustración ou cómic. Sempre que participei en proxectos de animación tiven que renunciar a toda a riqueza que a pintura ten: a textura, a pegada da brocha e do pincel, a vibración do trazo persoal... Tiña vontade de conservar toda esa riqueza visual,
especialmente nun proxecto tan persoal como era "De profundis".

Fálenos da música, da colaboración con Nani García e a Orquestra Sinfónica de Galicia.

Supuxo a colaboración máis estimulante de todo canto levo feito. Traballamos simultaneamente na creación, día a día, plano a plano. Iso supuxo que as dúas linguaxes se influísen e condicionasen mutuamente, levándonos a resultados moitas veces diferentes dos que individualmente tiñamos previstos. Creo que Nani García creou unha das partituras máis importantes da música española para cine e da música contemporánea española, en xeral. Escoitalo en directo, interpretada pola Orquestra Sinfónica de Galicia foi un privilexio.

Para qué tipo de público se pensou o filme?

Para calquera persoa que guste de ver o mar bravo un día de inverno, ou de ver pasar as nubes unha tarde de verán, ou as figuras que forman as bandadas de estorniños nos xardíns ó solpor... Para calquera persoa que lle guste que lle conten un conto... Cando comezamos a traballar pensaba que, seguramente, os cativos non entenderían a película e non lles interesaría. Pero nos pases previos que fomos facendo atopeime con que seguían a historia ó seu modo e, cando remataba, amosábanse moi entusiastas e aseguraban que lles gustaba.

O seu traballo é moi recoñecido en Cataluña: premio á mellor obra e aomellor autor no Salón Internacional do Cómic, a adaptación teatral en
catalán...


Si, a miña vinculación con Cataluña é moi forte. Bastantes dos meus mellores amigos son cataláns, vivín en Barcelona case dous anos, moi felices, entendo perfectamente o catalán... Síntome moi ben en Cataluña.

Recentemente en Sargadelos Barcelona púidose ver unha mostra da actual BDgalega (a mostra Can de Palleiro). Goza de boa saúde?

Efectivamente, a banda deseñada galega é unha das máis activas e fortes do estado nestes intres. Temos varias xeracións de autores en activo, dende o actual "patriarca", Xaquín Marín, a rapaces moi novos que amosan xa unha calidade moi alta. Esperemos que teña continuidade e que outro medios, coma a animación feita en Galicia, se enriquezan co traballo de todos estes creadores.

Como ve a proposta para os Premios Goya?

Moi ben, claro! Sempre é afagador que os outros profesionais consideren que o teu traballo e merecedor de mención. Logo, que o premio chegue ou non xa é secundario. Por suposto, prefiro levalo, pero entendo que unha obra non mellora nada por acadar un premio, nin empeora por non levalo. Sempre dixen isto, mesmo cando, finalmente, levei os premios.

Un avance dos seus proxectos...

Este ano quero volver á BD. Teño preparado o guión dunha historia longa na que traballarei ate o 2008. Teño tamén un libro que quero ilustrar sobre A Coruña e, a partires do 2008, posiblemente, empezar a darlle voltas a un novo proxecto de animación.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: