A conexión a internet a través de fibra óptica non para de medrar espectacularmente no país. A operadora de telecomunicacións R sinala que as conexións á rede con fibra óptica medraron o ano pasado un 34%. Segundo estes datos, a finais do ano pasado contabilizábanse case 96.000 accesos de cablemódem en Galiza. Ademais o conselleiro delegado da empresa, Arturo Dopico, sinalou diante da prensa que a compañía que el dirixe estima un beneficio neto, logo do pago de impostos, de 8,6 millóns de euros. Este dato converte á operadora na máis rendíbel de todas as que traballan no Estado español.
Dopico explicou que a rede de R segue medrando notabelmente. A súa cobertura nestes momentos chega a máis de 578.000 fogares e empresas e a 1.220.000 clientes potenciais. No que respecta á penetración comercial, algo máis do 32% dos fogares e empresas que están en zonas con rede de fibra óptica están conectados a R.
Dende a empresa reiteraron que agardan que a finais do 2008 o 60% da poboación do país teña a posibilidade de conectarse por fibra óptica. Lembran que a banda larga experimentou un forte crecemento no último ano en Galiza: Máis da metade dos galegos que dispoñen de conexión a internet empregan accesos de alta velociadade