Tras dous meses de negociación entre empresa e representantes dos traballadores, un total de trinta operarias da empresa téxtil Toypes, con sede en Lalín, acolléronse voluntariamente ao Expediente de Regulación de Emprego (ERE) presentado pola compañía. O sindicato UXT-Galiza valorou positivamente o desenlace do proceso, aínda que lamentou a perda do emprego das operarias. O pasado 10 de novembro, a empresa chamou cincuenta traballadoras para despedilas. A UXT comarcal considerou a cifra moi elevada dende o principio e tras varias reunións logrouse chegar a un acordo coa dirección de Toypes. A empresa contaba até o de agora con 118 empregados, repartidos en dúas firmas, Toypes e Alberto Novo. A primeira perde vinte traballadoras e a segunda dez.
Segundo manifestou Álvaro Santalla, secretario xeral de UXT-Deza, xa no pasado verán comezaron a detectar anomalías, relacionadas co cobro de nóminas. En outubro, tralas reiteradas queixas de moitos traballadores, tomaron cartas no asunto. "Os nosos economistas determinaron que o ERE era inevitábel, xa que a empresa non estaba nunha boa situación económica", comentou Santalla, quen engadiu que "nun principio quixeron facer pasar o despedimento de cincuenta traballadoras por un expediente de regulación, cando non era tal" e lamentou a perda do emprego das trinta operarias.