Kalandraka Editora recibiu o premio Cidade de Pontevedra na categoría de persoas xurídicas, asociacións, entidades ou colectivos. O galardón concedido polo concello pontevedrés tiña outros cinco candidatos: o Centro Comercial Urbano Zona Monumental, a Asociación Amigos de Pontevedra, a Marcha mundial das mulleres, a Asociación Os Pelleiros e a Asociación Cultural Revira pero, ao final, foi a editorial a que foi considerada merecedora da distinción.
A editorial Kalandraka fundouse en Pontevedra hai case nove anos, e está a efectuar un labor de recuperación de clásicos universais da literatura infantil e xuvenil, ademais de publicar álbums ilustrados de produción propia. O obxectivo da editora, reflectido no seu lema, "libros para soñar", foi achegarlles aos lectores galegos obras literarias que ata entón non estaban ao seu alcance.