Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
A DIRECTORA DE SOCIEDADE DA INFORMACIÓN DEBULLA AS CLAVES DO PEGSI

"O compromiso co software libre é real pero o cambio non é de hoxe para mañá"

Sobre os ombreiros de Elena Veiguela, directora xeral de Sociedade da Información, descansa a responsabilidade da estratexia da Xunta para sacar a Galiza da fenda dixital. Nesta entrevista, Veiguela reafirma a aposta do Goberno polo software libre, unha das medidas do novo Plano Galego da Sociedade da Información (PEGSI). O compromiso da Xunta cos programas abertos é "real" e compromete a todas as consellerías, argumenta a directora. Pero o asunto máis relevante do PEGSI é cando todos os galegos poderán ter internet de banda larga. Veiguela non concreta datas, pero defende que o proceso se acelerou grazas á presión sobre Madrid e Telefónica.

- 08:02 12/01/2007
Tags:

Nunha conversa co portal do PEGSI, Veiguela admite a existencia de zonas de "sombra" nas que non é posíbel acceder á banda larga, pero asegura que o problema "vaise resolvendo pouco a pouco". Ademais, a mandataria defende o papel "importantísimo" dos contidos para espertar o interese pola rede entre os galegos que, podendo conectarse, non o fan. Uns contidos que, na súa opinión, son especialmente importantes para achegar a cultura galega á lusofonía.

A reacción ao PEGSI nos medios centrouse na extensión da banda larga ao rural. Aínda que non é competencia directa da Xunta, que lle pode dicir aos cidadáns que queren contratar acceso a internet de alta velocidade e non poden? Poderán facelo nos vindeiros meses e anos, para saber as previsións de cando se vai poder en determinadas zonas o mellor é chamar a esta Dirección Xeral, o número é o 881999002 . Tamén é certo que en 2006 deuse un gran avance con dúas iniciativas. Por un lado co cable; e por outro lado coa iniciativa que forzamos nós, porque non estaba previsto acelerala tanto, falo da estratexia do Ministerio de Industria a través de Telefónica.

Galiza ten uns dos índices de internautas máis baixo do Estado. Para solucionalo, os expertos propoñen dúas alternativas. Uns danlle prioridade a resolver a falta infraestruturas -como a extensión da rede ao rural- outros falan dun problema de falta de contidos que interesen a poboación. Cal é a prioridade do PEGSI? Dende o comezo dixemos que este problema é un círculo vicioso. Coas diagnoses do PEGSI confirmamos que hai poucos contidos para que certo tipo de persoas pensen que internet é util. Veuse que algúns cidadáns que poden contratalo non o fan porque non lles resulta interesante. Polo tanto, o desenvolvemento de contidos é importantísimo. Tamén é certo que hai servizos que eses cidadáns poderían usar hoxe, pero non coñecen que poden atopar no ciberespazo. Por exemplo, cada vez que persoas do rural descobren que poden medir as súas leiras co SIGPAC fican moi interesadas e preguntan, "que máis podo atopar?"

Cómpre adaptar os contidos que creamos ás necesidades dese grupo? Non todas as persoas, segundo o seu nivel de formación, perciben como útiles o mesmo tipo de cousas. Nas diagnoses quedou claro que o baixo nivel de uso da Rede nun determinado sector da poboación pouco ten que ver coa falta de infraestruturas. Entre outras cousas, porque a falta da infraestruturas dáse no rural, bastante despoboado. A maior parte da xente vive en zonas nas que si hai acceso. Tamén é certo que hai "sombras", zonas ao redor de, por exemplo, Santiago ou Vigo que non teñen conexión. Pero iso vaise resolvendo pouco a pouco, é evidente que non hai máis remedio que dispór de infraestructuras para poder acceder.

Na presentación dos diagnósticos do PEGSI indicou que a rede abre oportunidades para a difusión de contidos galegos no mercado lusófono. Pode afondar nesta idea? Trátase dunha oportunidade para o idioma. As oportunidade económicas cos contidos, gústenos ou non, están relacionadas co inglés nunha porcentaxe altísima dos casos. Os contidos galegos na rede teñen mercado nas areas de África e América que falan portugués, pero sobre todo é unha oportunidade dende o punto de vista cultural. Son un elemento de autoestima do país, ademais de servir para a conservación e evolución do idioma.

Entre as medidas do PEGSI, o apoio ao software libre foi do máis comentado polos internautas. A Consellería de Industria aposta por estes programas con Mancomun.org, pero o PEGSI é unha ferramenta para toda a Xunta. Ata que punto existe nas outras consellerías un compromiso co software libre? O compromiso está escrito no PEGSI, está aprobado pola Xunta e é un compromiso real. Por exemplo, todos os concursos que saca esta Consellería van en plataformas de software libre. Outra cousa é como se leva adiante o proceso. No caso das redes corporativas da Xunta, as migracións, que están previstas, non se poden facer da noite para a mañá. Ten que ser un proceso moi ben planificado, de xeito que nunca haxa un paréntese no que nada funciona. A dirección xeral de Calidade e Políticas Públicas xa ten un plan para ir progresivamente ir migrando redes e aplicacións a estándares abertos.

O proceso de introdución de ferramentas libres nos postos de traballo dos funcionarios, resultará moi complicado? Non é o peor dos procesos posibles. Os ordenadores da maioría dos funcionarios da Xunta son potentes abondo para facer unha partición de xeito que o Linux funcione nunha parte e noutra o Windows. Polo de agora, entendo que hai que empregar ámbalas dúas plataformas, pode haber programas que soamente funcionan en Windows. Por outra parte, a formación necesaria para traballar con aplicacións abertas non é demasiado custosa porque, por exemplo, o OpenOffice ten un aspecto moi semellante ao Office de Microsoft.

O Consello da Xunta aprobou onte o PEGSI. Como valora o traballo feito na súa redacción? Estamos moi satisfeitos por varias razóns. Primeiro, desenvolvemos o traballo nun tempo récord. Segundo, cremos que a nosa metodoloxía foi correcta, de tal xeito que todas as consellerías se senten parte do Plan porque todas colaboraron. Foi aprobado por unanimidade no Consello da Xunta, polo que vai resultar o máis eficaz posible. E terceiro, recollemos opinións de expertos, grupos de traballo, asociacións, colexios, universidades, etc. Todos poideron opinar. Estamos convencidos que vai situar a Galiza nun punto moi diferente de cando chegamos ao goberno.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: