O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, presentou o balance do comportamento económico do período 2005-2006, no que se reflicte un crecemento medio do 3,8% do PIB galego. De todos os sectores, os que máis medraron foron o da enerxía, cun 4,6%, e a industria, cun 4,2%, ambos os dous por riba da construción (4,1%), os servizos (3,8%) e o sector primario, máis feble, cun crecemento de só o 0,3 por cento. En todo caso, Galiza estivo por riba da evolución media do Estado, que quedou nun aumento do 2,8%.
Outro dos datos analizados, o índice de produción industrial, resulta tamén moi favorábel en comparación co estatal, pois no noso país foi do 7,9% fronte ao 4% español. De feito, Galiza foi a comunidade autónoma cunha taxa de crecemento máis alta. Do mesmo xeito, as exportacións creceron nos tres primeiros trimestres do 2006 un 25,2%, fronte ao 6,1% da etapa anterior e o 10,4% da media estatal. O informe presentado por Fernando Blanco reflicte, ademais, un 2% máis de altas na seguridade social dos traballadores da industria, en contraste coa diminución do 2005.
Tecnoloxías da información
Galiza aínda se mantén nunha situación desfavorábel no referente ao equipamento en novas tecnoloxías fronte ao resto do Estado. Malia isto, o incremento na súa implantación con respecto á media estatal fixo que se estea a reducir a diferenza que había o ano anterior. De feito, Galiza foi a comunidade na que máis medrou a porcentaxe de empresas con acceso á rede e ao correo electrónico. Asemade, o emprego no sector das TIC subiu no 9,43%, sobre todo no eido da informática.